A Xunta publica hoxe unha modificación sobre o aforo dos lugares de culto

No día de hoxe, o Diario Oficial de Galicia publica o Decreto 181/2020 que modifica o decreto 179/2020 de 4 de novembro, no relativo ás “limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto”.

Esta nova redacción literalmente di:

«Terceiro. Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto

  1. Na Comunidade Autónoma de Galicia a asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade, e deberase garantir, en todo caso, o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.

Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.

  1. A asistencia a lugares de culto, nas condicións establecidas no número anterior, non poderá superar o terzo da súa capacidade nos concellos enumerados nos números 1 e 2 do punto primeiro deste decreto.
  2. Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.
  3. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa».

Polo que desde hoxe, o aforo dos lugares de culto queda do seguinte xeito:

  • Nos Concellos sen restricións: 50 % do aforo.
  • Nos Concellos con restricións: 33 % do aforo.

Esta medida segue en vigor ata as 15.00 h. do 4 de decembro, agás que sexan modificadas polas autoridades sanitarias.

Santiago de Compostela, a 10 de novembro de 2020.

O Vicario xeral

Versión en galego