Cáritas Diocesana de Santiago recibiu a Medalla do Parlamento de Galicia

  • O arcebispo falou en nome  das Cáritas galegas
  • Recolleu a distinción o director José A. Mouriño

O Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presidiu na Cámara autonómica o acto de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia 2018, “cun marcado acento social”, que na presente edición foron concedidas ás Cáritas Diocesanas galegas, Aldeas Infantiles, e COGAMI, como recoñecemento ao traballo no campo da axuda social que levan a cabo as tres entidades.

Nas súas palabras o presidente do Parlamento, Santalices Vieira, recordou que a institución que preside esfórzase para ser e actuar como o “espello no que sentan fielmente reflectidos cada galega e cada galego”, e considerou que a concesión destas medallas “permítenos avanzar nese obxectivo, na medida en que unha inmensa maioría social identifícase co recoñecemento institucional que hoxe tributamos.

Pola súa banda o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, quen falou en nome das Cáritas Diocesanas de Galicia, insistiu en que “a caridade é resposta a unha necesidade inmediata nunha determinada situación. É gratuíta; non se practica para obter outros obxectivos”.

O presidente do Lexislativo sinalou que “por fortuna, organizacións como Cáritas chegaron e chegan alí onde o poder público non alcanza”. Por iso, agregou, “nunca agradeceremos bastante o esforzo de todo o equipo de Cáritas”, e sinalou que, “con razón, Cáritas conseguíu o recoñecemento unánime da sociedade española e galega, agradecemento que o Parlamento de Galicia quere expresar a través desta medalla”.

Recolleron as medallas os directores e directoras das cinco Cáritas Diocesanas de Galicia, facéndoo en nome da de Santiago de Compostela, José Anuncio Mouriño Rañó.

O labor de Cáritas

Durante a súa intervecnión en nome das cinco Cáritas Dicesanas de Galicia, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio constatou que a distinción “trata de recoñecer os méritos de Caritas, valorando o labor realizado por esta institución da Igrexa. Estou seguro de que este recoñecemento será unha motivación máis para chegar a novas metas neste compromiso eclesial, afirmando a propia identidade que se define polo seu arraigamento na existencia, polos obxectivos que busca e polos desafíos aos que responde”.

O arcebispo destacou que o sino da Igrexa a través do tempo é a dimensión caritativa: “Nesta clave poderanse interpretar mellor os aspectos da súa historia -dixo- colocando as cousas na perspectiva da verdade e desde a normatividade do amor ao próximo, non considerándoas soamente desde o punto de vista da factibilidade material e do éxito”.

Para o prelado, “a Igrexa fai posible que se perciba o amor de Deus, sempre próximo a toda persoa necesitada cunha mensaxe de confianza e de esperanza”. Agradeceu en nome de todos os bispos o traballo desenvolvido polos directores de Cáritas Diocesanas, “cos seus respectivos equipos o labor calado pero non menos eficaz, que levan a cabo, estando sempre a pé de obra, como adoitamos dicir. Tamén nesta actividade son o rostro laical da Igrexa”.

Finalizou a súa intervención recordando que a caridade “é resposta a unha necesidade inmediata nunha determinada situación. É gratuíta; non se practica para obter outros obxectivos. Traballemos para ter unha sociedade mais amigable e humana. Tamén Caritas contribúe a este obxectivo”.

Realidades sensibles

Pechou o acto o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen recordou que o Parlamento de Galicia premia palabras e feitos, “cando Aldeas Infantiles fala de solidariedade, cando Cáritas se refire ao compromiso, cando Cogami alude ao seu traballo social, podemos afirmar que estamos diante de realidades sensibles, visibles e tanxibles”. Incidiu en que inclusión é a palabra que asocia ás organizacións solidarias de Galicia con este Parlamento. “O noso Parlamento inclúe, e as tres entidades que aplaudimos dedican o seu esforzo a incluír. Fano ademais sen esquecer que a verdadeira inclusión xamais esquece esa parcela fundamental de todo ser humano que é a dignidade”, concluíu.