Homilía de Monseñor Barrio na Ofrenda ao Santísimo Sacramento en Lugo

Solemnidade do Corpus Christi. Xuño 2015
Ex 24,3-8; Hb 9,11-15; Mc 14,12-16.22-26

Excma. Sra. Oferente

Excmo. Sr. Delegado da Xunta de Galicia

Queridas Autoridades

Queridos irmáns Bispos: Sr. Bispo da Diocese de Lugo e Sres. Bispos das Dioceses de Galicia

Queridos Membros do Cabildo da Santa Igrexa Catedral de Lugo

Queridos sacerdotes, membros de vida consagrada e leigos

Queridos membros da Cofradía do Santísimo Sacramento, de Caritas e da Adoración nocturna

Queridos irmáns e irmás no Señor:

¡Velaquí é o misterio da nosa fe! “Que Cristo habite pola fe nos vosos corazóns e que teñáde-la vosa raíz e voso alicerce no amor”, manifestado por Cristo na Eucaristía. Seguindo unha tradición secular, profundamente arraigada no sentir relixioso e espiritual, a comunidade cristiá galega síntese convocada nesta catedral de Lugo, tenda do Altísimo, ante a presenza real e verdadeira de Xesús Sacramentado para pregar a quen intercede por nós, prostrarse en adoración confiada e loalo pola súa infinita misericordia. Hoxe esta Catedral faise templo e corazón de toda a Igrexa en Galicia, testemuñando a devoción eucarística e acollendo a ofrenda, en nome da querida Cidade de Mondoñedo, presentada pola súa Alcaldesa. Contemplamos nesta solemnidade a marabilla da presenza real e verdadeira de Cristo na Eucaristía, lembrando como esta forma parte das raíces da nosa comunidade e da nosa vida; e pedindo que se vaia consolidando o proxeto de Deus na nosa historia.

A Palabra de Deus recordounos a alianza divina co home na historia da salvación: Deus protexendo o home, o home manifestando a súa obediencia a Deus: “Faremos todo o que dixo o Señor e obedeceremos” (Ex 24,7). A alianza con Noé, Abraham e Moisés son anuncios renovados da alianza nova e definitiva de Deus cos homes selada co sangue de Cristo, derramado para o perdón dos pecados. “Por iso, é mediador dunha nova alianza,… a fin de que os chamados á herdanza eterna, poidan recibir o cumprimento desta promesa”(Heb 9, 15).

Aquel día, Xesús pediu a casa a un amigo anónimo que lla ofreceu sen recompensas nin recoñecementos. Esta persoa déixanos unha lección sinxela para noso proceder. Aquela casa coñecerase xa como Cenáculo. Pero hoxe o Señor pídenola a ti e a min porque quere celebrar a Pascua connosco. “Se alguén escoita a miña voz e abre a porta, eu entraría cabo del e cearía con el e el comigo” (Ap 3,20). Como non recordar a alegría de Zaqueo cando hospedou a Xesús na súa casa! Zaqueo deulle un banquete material. Xesús deulle o banquete da liberdade, do amor, da felicidade. Hoxe o Señor segue celebrando a súa cea pascual cos seus discípulos que somos nós.

A nosa vitalidade cristiá depende da Eucaristía e está esencialmente vinculada a ela de tal forma que sen vida eucarística non pode haber senón aparencias de vida cristiá. Compartir o pan da Eucaristía comprométenos a configurar a sociedade respectando a lei santa de Deus reflectida na lei natural e na recta razón, que mostra ao home o camiño a seguir para obrar o ben e alcanzar o seu fin. “A indiferenza relixiosa, o esquecemento de Deus, a lixeireza con que se cuestiona a súa existencia, a despreocupación polas cuestións fundamentais sobre a orixe e destino transcendente do ser humano non deixan de ter influencia no talante persoal e no comportamento moral e social do individuo… Certamente o home pode organizar a terra sen Deus, pero á fin e ao cabo, sen Deus non pode menos de organizala contra o home”[1].

Participar na Eucaristía esixe recoñecer a Cristo nos máis necesitados material e espiritualmente. “A personalidade do home enriquécese co recoñecemento de Deus. A fe en Deus dá claridade e firmeza ás nosas valoracións éticas. O coñecemento do Deus amor móvenos a amar a todo home: sabernos criaturas amadas por Deus condúcenos á caridade fraterna e, á súa vez o amor fraterno achéganos a Deus e fainos semellantes a El. Pero quen o coñece de verdade inmediatamente recoñéceo en todos os pobres, en todos os máis desfavorecidos, nos esmoleiros de pan e de amor, nas periferias existenciais”[2]. Se non estamos dispostos a entregar a propia vida polos demais, non podemos ser consecuentes co que hoxe celebramos. Deus liberounos gratuitamente polo amor que nos ten, non dominando nin gañando batallas que sempre implican a derrota de alguén. A vida eucarística configura un estilo de vida que se manifesta na actitude de servizo, imitando a Xesús que lavou os pés aos seus discípulos, se inclinou ante os feridos no camiño da vida, escoitou e curou os enfermos de corpo e alma. Isto significa vivir a comuñón fronte á exclusión, asumir a integración fronte á marxinación, e comprometerse na solidariedade, sabendo que o noso Salvador enche de bens os pobres.

“Ditosos os convidados á cea do Señor”. O convite é universal, aínda que non todos o aceptan. “Recordamos a actuación de Xesús cando comía cos excluídos e impuros, cos pobres e pecadores. Recordamos a multiplicación dos pans e os peixes na que houbo pan para todos. Alí entendemos que o pobo da nova alianza é unha fraternidade sen exclusións, que na asemblea eucarística os últimos teñen os primeiros postos, e que é o Señor quen nos constitúe nesa nova familia, na nova fraternidade na que ninguén queda excluído. As nosas comunidades, cando celebran a Eucaristía, teñen de tomar partido de que a Eucaristía impulsa a todo o que cree en Cristo a facerse pan partido para os demais e, polo tanto, a traballar por un mundo máis xusto e fraterno[3]”.

A forza da historia encontrase sempre no home que ama e sirve, e para quen “non hai nada verdadeiramente humano que non teña resonancia no seu corazón” (GS 1). O misterio eucarístico, expresión suprema do amor de Cristo ós homes, sitúa ó cristián no corazón mesmo da historia e comprométeo a asumi-la responsabilidade de construír un mundo novo a través da civilización do amor que nos esixe austeridade e xenerosidade, sentido da xustiza e conciencia solidaria a favor dos que sofren carencias materiais e espirituais.

Renovemos a nosa devoción ó Santísimo Sacramento. A carón do Pan e do Viño poño, Excma. Sra. Oferente, a súa ofrenda coas súas inquedanzas, esperanzas e súplicas. Pido pola Familia Real, polos nosos gobernantes, polas nosas Dioceses, por Vostede, Señora Oferente, e a súa familia, e polos que están a colaborar con vostede, e por todos os veciños de Mondoñedo, e mais polos veciños desta cidade de Lugo, para que o Señor Sacramentado lles colme de bendicións. ¡Bendito e louvado sexa o santísimo Sacramento do Altar, sexa por sempre bendito e louvado! Amén.

 

 linea_div

[1] Conferencia Episcopal Española, Iglesia servidora de los pobres. Instrucción Pastoral, Ávila 24 de abril de 2015, 12.

[2] Ibid.

[3] BIEITO XVI, Sacramentum caritatis, 88.

Versión en galego