Homilía del arzobispo en el funeral por las víctimas de la pandemia

“Nada nos poderá separar do amor de Deus e habitaremos na casa do Señor por anos sen termo porque noso ser mortal será revestido de inmortalidade”. Persoas que viven esta certeza son unha esperanza para todos. Saúdo aos Sres. Bispos, aos Membros do Cabido, aos Frades Franciscanos, aos sacerdotes, aos Membros de Vida Consagrada, ao Sr. Presidente da Xunta de Galicia, ao Sr. Alcalde da Cidade, ás Autoridades, e a todos vós queridos irmáns e irmás no Señor. Moitas grazas pola vosa presenza e participación nesta celebración. O meu recordo afectuoso coa oración e a miña proximidade para os afectados polo coronavirus ou outra enfermidade, pedindo a súa pronta recuperación.

De maneira especial nestes momentos en Galicia diríxome con afecto a quen perdiches os vosos seres queridos pola pandemia do coronavirus ou por outras causas nunhas circunstancias en que non puidemos honrar os nosos defuntos como se merecían humana, relixiosa e socialmente. Desde o primeiro momento estivemos ao voso lado, compartindo a vosa dor. Foron días de incerteza e de misterio nos que ás veces a angustia dificulta atopar a clave da fe. Pero os nosos defuntos non son un número máis de frías estatísticas. A súa vida fíxose xa historia para que poidamos gravala na nosa memoria. Rezamos por eles persoalmente e agora facémolo comunitariamente, transformando o noso loito en oración. Tampouco nesta encrucillada a Igrexa estivo ausente.

A realidade da pandemia impactounos e descubriunos signos dunha humanidade que nos encheu de gratitude e de asombro. Agradecemos profundamente a xenerosa e eficaz colaboración do persoal sanitario, dos capeláns dos hospitais, da oración silandeira dos mosteiros, de quen tivo que tomar decisións na vida pública, de quen garantiu os servizos esenciais, do voluntariado, dos Corpos e Forzas de seguridade do Estado e de tantas persoas que non aforraron esforzo ata perder incluso a súa vida axudando e acompañando aos contaxiados e aos falecidos. Estes foron arrincados do noso lado por este torrente de morte que nos sorprendeu.

Hoxe, na comunidade galega, crentes e persoas de boa vontade pedimos con linguaxe propia por eles. “Ese amor aos que partiron, é o máis gratuíto, desinteresado e xeneroso, porque non nace da melancolía senón da gratuidade agradecida e esperanzada!” As raíces da memoria dan froitos de esperanza que ofrece sentido á existencia. Por iso no misterio da morte e da dor o pranto e o loito son sacros, queridas familias. “Trivializar a morte é trivializar a vida, e quen sabe dar razón da morte e dar amor aos mortos, sabe dar razón da vida e amor aos vivos”.

Na certeza da fe non perdemos as persoas, confiámolas a Deus e deixámolas recollidas baixo o seu coidado paternal. Cristo é “a resurrección e a vida, todo o que cre e vive nel non morrerá para sempre». “Na morte non domina a nada, senón a presenza vitoriosa de Cristo”. Con este convencemento quixese aliviar tanto dor, pedindo o descanso eterno para os que morreron e o consolo para os que peregrinamos aínda neste mundo, percibindo que non temos dominio absoluto da realidade para determinar o ben e o mal, e decidir o presente e o futuro, saíndo da nosa burbulla na que parecía que tiñamos todo controlado.

“Estaremos sempre co Señor e participaremos da súa gloria” (1 Ts 4,17). Non nos é precisa aos crentes outra razón para vivir con esperanza e para morrer con acougo, que esta afirmación do apóstolo Paulo. “Por Cristo e en Cristo ilumínase o enigma da dor e da morte, que fóra do seu Evanxeo ataféganos” (GS 22). Tamén Xesús gritou: “Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?”, para despois dicir con acougo e confianza: “Pai, ás túas mans encomendo o meu espírito”. Deus non nos abandona nunca. O home é aquel de quen Deus se acorda, aquel de quen Deus nunca se esquece. Por iso está co que sofre e sente o abandono. Estivo co seu Fillo Xesucristo, estivo cos falecidos e está connosco coa súa última palabra de vida. Só esta esperanza pode consolar a perda duns seres queridos e dar sentido ás súas vidas e ás súas mortes, renovando con eles un diálogo que a morte interrompeu bruscamente. Non somos un berro no baleiro. “A morte de Cristo manifesta a total fiabilidade do amor de Deus á luz da resurrección” (Lumen fidei, 17).

Confiados no perdón e na xustificación que Cristo nos ofrece, encomendemos os nosos irmáns á misericordia de Deus para que participen xa da felicidade eterna. Deixamos o seu destino nas súas mans con dor e con paz. Deus non é un Deus de mortos senón de vivos. Estamos seguros de que o Santo Apóstolo Santiago e a nosa Nai, a Virxe María, acompañaron os falecidos peregrinado con eles ata o Pórtico da Gloria celestial. As campás tocan hoxe por eles a quen non esquecemos, pero tamén chaman a nosa atención polos que viven angustiados polas consecuencias sociais desta pandemia, nesta crise humanitaria. Só unha esperanza fundada lévanos a afrontar as circunstancias sen fuxir. “Santo Apóstolo Santiago, fai que desde aquí resoe para todos a esperanza”. Amén.

Versión en galego