Inaugurado o curso escolar no Seminario Menor da Asunción

O pasado luns, 16 de setembro, comezou o curso escolar 2019-2020 no Seminario Menor da Asunción. Un día de reencontros cos antigos compañeiros do ano pasado; de botar en falta a algúns e de acoller aos novos. Despois do primeiro contacto cos profesores e coas aulas, a comunidade educativa dirixiuse a Capela de san Xosé, para celebrar a Eucaristía do Espírito Santo e pedirlle ao Señor que nos acompañe nesta nova aventura. O Sr. Reitor reflexionou sobre a parábola do sementador, animando aos alumnos, que son terra boa,a dar froito segundo as súas capacidades e a ter coidado de non ser atrapados polas silvas ou non profundar no traballo que teñen por diante.

Rematada a misa, tivo lugar o Acto Académico no Salón de Actos. Este ano o encargado de pronunciar a conferencia inaugural foi D. Santiago Romero Trabazo, titor de 1º, 2º e 3º da ESO. O tema que desenrolou, de xeito ameno e á vez profundo, foi “Centenario dunha consagración: Do rei ao Rei. Por El e para El”, con motivo do centenario da Consagración de España ao Sagrado Corazón. O profesor Romero fixo un recorrido histórico por esta devoción, como chegou ata España, a consagración feita en 1919 e os principais santuarios e monumentos que están espallados polo noso país. Rematou facendo un recordo ao Cardenal Quiroga Palacios, fundador do Seminario Menor, e que no seu escudo episcopal ten a figura do Sagrado Corazón de Xesús. O Sr. Reitor, no nome do Sr. Arcebispo, rematou o acto dando por inaugurado este novo curso.

 

Versión en galego