Sr. Presidente da Xunta de Galicia
Sr. Presidente do Parlamento
Membros da Mesa do Parlamento
Autoridades
Convidados

A gratitude é un sentimento que ennoblece a nosa vida. Agradezo en nome das Cáritas Diocesanas da Igrexa en Galicia a concesión da Medalla deste Parlamento a cada unha delas. Esta distinción tan significativa trata de recoñecer os méritos de Caritas, valorando o labor realizado por esta institución da Igrexa. Estou seguro de que este recoñecemento será unha motivación máis para chegar a novas metas neste compromiso eclesial, afirmando a propia identidade que se define polo seu arraigamento na existencia, polos obxectivos que busca e polos desafíos aos que responde. É esta unha ocasión providencial para que tamén en nome de todos os Sres. Bispos agradeza aos nosos Directores de Caritas Diocesana cos seus respectivos equipos o labor calado pero non menos eficaz, que levan a cabo, estando sempre a pé de obra, como adoitamos dicir. Tamén nesta actividade son o rostro laical da Igrexa.

O signo da Igrexa a través do tempo é a dimensión caritativa. Nesta clave poderanse interpretar mellor os aspectos da súa historia, colocando as cousas na perspectiva da verdade e desde a normatividade do amor ao próximo, non considerándoas soamente desde o punto de vista da factibilidade material e do éxito. A caridade, non esquecendo as esixencias da xustiza, é un amor que abre o corazón á solidariedade do compartir. Non é fácil entretexer os trazos prosaicos e líricos dunha historia así. Pero o lírico é a caridade que é a que dá cor e calor ao prosaico e converte o tempo en eternidade.

Ás veces dicimos: aí están as estatísticas, máis ben habería que dicir, aí están as persoas ás que se lles axuda. Os seus ollos mírannos e habemos de ver os seus rostros, escoitando os latexados das súas angustias. “Rebaixar o feito cristián para borrar os contornos baixo as finas vendas entrecruzadas da erudición e da dúbida”[1], debilita a condición humana. A caridade non significa replegamento da Igrexa en posturas espiritualistas ou desencarnadas, senón que busca a transformación da vida persoal e, con este suposto, da vida real segundo o Evanxeo, con especial atención aos pobres e aos máis débiles[2]. A plena realización humana conséguese superando a lóxica da necesidade a través da lóxica da gratuidade e do don.

Co testemuño da caridade, feito visible na vida cotiá dos seus membros, e de moitas persoas de boa vontade, a Igrexa fai posible que se perciba o amor de Deus, sempre próximo a toda persoa necesitada cunha mensaxe de confianza e de esperanza. “É a hora dunha nova imaxinación que promova non tanto e non só a eficacia das axudas prestadas, senón a capacidade de facerse próximos e solidarios con quen sofre, para que o xesto de axuda sexa sentido non como esmola humillante, senón como un compartir fraterno”[3].

A caridade é resposta a unha necesidade inmediata nunha determinada situación. É gratuíta; non se practica para obter outros obxectivos. “A grandeza da humanidade está determinada esencialmente pola súa relación co sufrimento e co que sofre. Unha sociedade que non logra aceptar aos que sofren e non é capaz de contribuír mediante a com- paixón a que o sufrimento sexa compartido e soportado tamén interiormente, é unha sociedade cruel e inhumana[4]. Traballemos para ter unha sociedade mais amigable e humana. Tamén Caritas contribúe a este obxectivo.

 

[1]    F. Mouriac, Vida de Jesús, 11.

[2]    Juan Pablo II, Novo millennio ineunte, 49-50.

[3]    Juan Pablo II, Novo millennio ineunte, 49-50.

[4]    Benedicto XVI, Spe salvi¸38

 

Versión en galego