Este mes de maio, a Parroquia de Portor voltou ás orixes. Unha das súas festas máis queridas é a das Fillas de María. A tradición fala de que as rapazas da parroquia honraban á Nosa Señora co mellor dos seus cariños. E os máis pequenos recitaban versos cheos de poesía e amor xunto ao altarciño que se prepara no medio da Igrexa durante todo o mes das frores.
Este ano, a festa das Fillas de María celebrouse o día 12 de maio, un marco idóneo para a Primeira Comunión de dous nenos da parroquia. Pola tarde, nun acto litúrxico breve pero moi entrañable, un grupo de freguesas, apoiadas polo coro parroquial, prepararon a varios nenos e nenas na recitación de poesías para a Virxe María. A continuación, coa valiosa colaboración da Asociación Parroquial Os Gazafellos, os rapaces disfrutaron dunha tarde de xogos; ademáis, maiores e pequenos degustaron unha merenda de categoría.
Foto: concellodenegreira.gal