Sto. Tomé é o Patrón da parroquia de Ames. Apóstolo “reconquistado” por Xesús, reafirmou a súa fe con unhas palabras que chegaron moi vivas aos nosos días: “Meu Señor e meu Deus” (“Señor mío y Dios mío”). Atopou o seu lugar unido á Igrexa. A tradición sitúao evanxelizando ata chegar á India. O día 3 de xullo é o asignado para celebrar litúrxicamente a súa solemnidade.
A freguesía amiense festexou a a Sto. Tomé os días 6 e 7, cadrando co “chupinazo” e o San Fermín pamplonicas. A meirande parte dos rapaces da catequese local celebran nestes entrañables días a Primeira Comunión. O venres, día 5, a memoria e a Sta. Misa foron para pedir a Deus polos defuntos da parroquia. O sábado, o Patrón foi o centro das miradas. Na procesión saíron as bandeiras en sinal de universalidade e amor pola terra que O Noso Señor lle confía coidar ao Protector de Ames. O domingo, San Xosé protagoniza a liturxia parroquial, uníndonos na oración polos candidatos ao sacerdocio que reciben a súa ordenación, de xeito habitual, o primeiro domingo de xullo. Ames tamén foi berce de sacerdotes e os fieis rezan pedindo xornaleiros para a ceifa de Xesucristo.
A pólvora da festa envolveu á parroquia co seu fume case “londinense” e, por un intre, despexouse toda dúbida: Ames quere a Sto. Tomé. Así o di o seu himno. Así o leva na alma. “Se non o vexo, non o creo”, dixo o Apóstolo antes de recibir a agarimosa sorpresa do Señor, quen respondeu: “Maiores cousas verás”, considerando ben grande o seu aprecio por ese amigo grande, Tomás.