O pasado 25 de xullo pola tarde a Capela de San Xoanciño foi un recinto acolledor para os artistas participantes no IV Encontro Internacional de Arte Efémera de Bueu. Durante os días 26, 27 e 28 de xullo, delegacións de alfombristas de 6 países diferentes (India, Malta, Portugal, Italia, Alemaña e España) xuntáronse no municipio de O Morrazo para compartir os seus coñecementos e tradicións artísticas en torno ao tema deste ano: “O Camiño das estrelas ao seu paso por Bueu”. A noite do 26 de xullo varias “Alfombristas de Ames” elaboraron un deseño titulado “Camiño de peregrinos”, con claras resonancias ás dúas as rutas de peregrinación que discorren polo seu territorio: o Camiño Real de Santiago a Fisterra – Muxía e o Camiño Portugués. O debuxo amosaba a Capela de San Xoanciño e a ponte romana de Augapesada, enmarcadas nunha ánfora (empregadas no imperio romano para o transporte de productos da salazón), elemento atopado en Bueu que serviu de fío conductor para o certame deste ano.
Na cálida recepción en San Xoanciño estiveron presentes, entre outros: o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, a presidenta de Alfombristas de Ames, María José Bello, a presidenta da Comisión internacional de alfombristas, Vicenta Pallarés, a presidenta da Asociación cultural de alfombristas de Bueu, Camen Santos e o párroco de Ames, Manuel Blanco. Alfombristas de Ames naceu en torno á confección de Alfombras florais para enaltecer o día do Santísimo Sacramento na bisbarra. Hoxe, o xeitoso grupo de persoas adicadas a esta actividade foi en aumento e perfecciona pouco a pouco a súa técnica.