XX Xornadas de Teoloxía ITC. “Bautizados e enviados”

Pasado o mes de agosto, que para moitos é tempo de descanso e desconexión; cómpre reiniciar a vida normal e facelo con sentido e horizonte cristián. A comezos deste mes de setembro, e xa por vixésimo ano consecutivo, o Instituto Teolóxico Compostelán ofrece a todo aquel que se queira achegar tres días de reflexión e aprendizaxe que nos queren dar pistas para vivir este novo curso dun xeito máis comprometido coa nosa fe.

Os días 4, 5 e 6 do próximo mes teremos a oportunidade de descubrir, coa axuda de persoas capacitadas, aquilo que o papa Francisco pretende convocando para outubro, e para toda a Igrexa universal, un Mes Misioneiro Extraordinario. Intención que pretende espertar aínda máis a conciencia misioneira da missio ad gentes  e  retomar con novo impulso a transformación misioneira da vida e da pastoral.

Deste xeito brindamos unha oportunidade única, introducindo no amplo campo académico do noso Instituto Teolóxico unha visión panorámica da actualidade misioneira da Igrexa. Estarán entre nós persoas vencelladas á Misión, unhas dende un plano máis teórico e outras dende a máis encarnada experiencia, que sen dúbida algunha nos farán presente aquilo que S. Xoan Paulo II soubo ver na Redemptoris missio: a misión está aínda nos seus comezos e debemos comprometernos con todas as nosas enerxías no seu servizo.

Así, dende o ITC e Obras Misionais Pontificias, queremos animar a que non se perda esta oportunidade que con gran agarimo ofrecemos a todos os diocesáns e a tódolos galegos.

David Álvarez Rodríguez