O pasado sábado santo presentábase no local social da parroquia de Portor unha exposición fotográfica con algunhas instantáneas históricas do «século pasado». A Asociación de Veciños Os Gazafellos, organizou un emotivo acto para inaugurar esta mostra. Pedírase a colaboración de todos os que puidesen aportar fotografías antigas. Un video recolle un resume do material recopilado polos fregueses: imaxes de hai anos, escenas familiares doutrora… recordos que forman parte da intimidade, do corazón e da historia desta parroquia. Unha das organizadoras, Sonia Ponte, puxo voz a esta sentida homenaxe dos tempos anteriores e persoas devanceiras, propiciando unha xeira de grata convivencia e unión parroquial. Misións parroquiais, excursións, intres domésticos, festas e romarías… respeto e admiración que merece a xente que foi construindo aquelo que agora se vive.