Este pasado sete de marzo, na sede de Cáritas diocesana en Carreira do Conde, asinouse un convenio entre esta entidade e o Colexio de Ópticos e Optometristas de Galicia. En representación das dúas institucións encontrábanse presentes D. Anuncio Mouriño, Director diocesano, e D. Eduardo Eiroa, Presidente do Colexio.
O obxecto do acordo é prestar un servizo gratuito de atención a internos e internas do Centro Penitenciario de Teixeiro con problemas visuais, e con limitados recursos para acceder a esta prestación sanitaria. Prevese que poderán ser atendidos ata vinte pacientes ó mes. O Colexio realizará unha selección de profesionais, de entre máis de trinta voluntarios de toda Galicia, para atender a consulta dentro do Centro, e Cáritas proporcionará os recursos necesarios. Esta actividade enmárcase na colaboración de Cáritas coa Capelanía de Teixeiro.
No acto encontrábanse presentes tamén a relixiosa de San Xosé, Sor Marifé Rodríguez, coordinadora da acción de Cáritas dentro do cárcere, e Dª Carmen Suárez, como representante dos servizos médicos de Teixeiro. Esta última explicou que, se ben os presos teñen a mesma cobertura sanitaria que calquer outro cidadán, a súa particular situación, e a abundancia de casos con penuria económica fan especialmente necesaria esta colaboración.